Sunday 28 de April de 2024

Comezan as visitas ‘Ferrol en feminino’, coas que xunta e concello pretenden visibilizar o papel das mulleres na historia de Galicia


As visitas guiadas constan de sete paradas clave e nelas participarán 350 alumnos e alumnas de seis institutos de Ferrol, Forcarei, Muros, Boiro, As Neves e Quiroga

Comezaron en Ferrol as visitas guiadas “Ferrol en feminino”, unha iniciativa que ten por obxecto descubrir a historia desta cidade a través dos ollos e as voces de personaxes femininos, como Concepción Arenal, a Raíña Mariana de Neoburgo e a oceanógrafa Angeles Alvariño.

Esta iniciativa presentouse o pasado 25 de marzo na Casa do Concello, nunha rolda de prensa da secretaria xeral da Igualdade da Xunta, Susana López Abella, e o alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, na que se anunciou que participarían 350 alumnos e alumnas de seis centros educativos galegos.

As visitas comezaron hoxe cos alumnos e alumnas do IES Saturnino Montojo de Ferrol e continuarán o 13 de abril cos do IES A Cachada de Boiro; o 15 cos do IES Chano Piñeiro de Forcarei, o 16 co IES de Quiroga, o 20 co IES Plurilingüe Fontexería de Muros e o 22 cos do IES Pazo da Mercé en As Neves. A rolda remata novamente en Ferrol, cun segundo grupo pertencente ao Saturnino Montojo.

Tal e como destacou López Abella na súa presentación, hai mulleres famosas por ser científicas, raíñas ou intelectuais que axudaron a cambiar o seu tempo e outras anónimas pero fundamentais no desenvolvemento da vida diaria e da historia ferrolá. Todas elas, dixo, deixan claro que “sen elas non hai Historia”, que é a mensaxe que subxace nesta actividade.

Durante a visita visitaranse sete enclaves ferroláns:

1. Saída e primeira parada. Porto de Curuxeiras con mención á Raíña Mariana de Neoburgo e o labor das modistas locais ademais das cargadoras e carboeiras do porto, incluíndo Mela ‘A Carboeira’.

2. Subida pola rúa San Francisco e parada en Jardines de Herrera (monolito de Churruca) con mención ás augadoras e lavandeiras.

3. Continuación pola rúa Magdalena parando en Toxos e Froles e no n.º 181 (Explicando a vivencia de Aurora Rodríguez e Hildegart)

4. Baixada cara a Praza de Galicia e parada para explicar a historia das mulleres no Arsenal tanto na construción do Dique da Campana coma na defensa dos dereitos dos traballadores coa historia de Antonia Alarcón.

5. Paseo pola Alameda ata a Praza da Constitución, onde se explica amas de cría, aias e a historia da célebre oceanógrafa Angeles Alvariño en relación co instituto Concepción Areal. Aquí explicase tamén a extraordinaria vida desta muller ferrolá, primeira feminista de España, e a historia de Amalia Fraguela e o seu final traballando nos servizos do Palco da Música.

6. Subida pola rúa da Terra e rúa Dolores, onde se falará das costureiras e a súa función na vida social da muller.

7. Subida pola rúa Concepción Arenal e última parada no antigo Hospital de Caridade -actual Centro Torrente Ballester- para facer énfase nas mulleres que axudaron a soster e dar vida e saúde aos demais, incluíndo as amas de cría e as mulleres que atendían enfermos de forma altruísta. Ademais explícase o tráxico final de Amada García que pasou por este Hospital.

Esta iniciativa enmarcase dentro de ‘Donas de Si’, un programa incluído dentro do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que ten como obxectivo a visibilización e posta en valor da participación e produción das mulleres como pezas fundamentais na configuración e desenvolvemento da sociedade galega contemporánea.

Dentro do mesmo programa, o ano pasado a secretaría Xeral da Igualdade presentou tamén en Ferrol a Unidade didáctica ‘Concepción Arenal: Unha Voz Rompedora’, para o achegamento á figura desta insigne galega, como muller e como figura clave no proceso de emancipación feminina da España do século XIX. Distribuíronse 1.500 exemplares en centros educativos de toda Galicia.